DRAGALIAN@S
Proxecto Dragal: Un dragón de cine nas aulas
No 2013 a produtora galega Ficción Producciones decidiu adquirir os dereitos audiovisuais de DRAGAL para a adaptación da saga ao cinema, a edición dun cómic interactivo e a creación de videoxogos para varias plataformas. Mais o potencial educativo da triloxía de Elena Gallego Abad levou a Ficción a desenvolver un ambicioso proxecto multimedia con base nas súas novelas (“Dragal I. A herdanza do dragón”, “Dragal II. A metamorfose do dragón” e “Dragal III. A fraternidade do dragón”).
O resultado é un programa multidisciplinar de animación á lectura e creación en galego que, coa posta en marcha dun entorno wiki propio, supón a acomodación da saga literaria aos novos formatos multimedia.
A FRATERNIDADE DO DRAGÓN
No curso 2013-2014 a fraternidade do dragón estivo formada por 532 alumnos e alumnas de ESO e 40 profesores de sete centros educativos: IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia (Ourense), IES Taboada Chivite de Verín (Ourense ), IES de Mos de Mos (Pontevedra), CPI da Cañiza (Pontevedra), IES Manuel Padín Truiteiro de Soutomaior (Pontevedra), IES David Buján de Cambre (A Coruña) e CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto de Boqueixón (A Coruña).
Tras a lectura de “Dragal, a herdanza do dragón” os rapaces emprenderon unha viaxe dixital axudados polos seus mestres. Cativados pola forza do dragón protagonista , os participantes utilizaron unha nomenclatura particular que os identifica e diferenza. Así, os alumnos convertéronse en dragaliñ@s, o profesorado en mestres do Dragal, os centros dragalizáronse cunha ambientación propia, os materiais levaban impreso un carimbo dragaliano e, entre outros traballos, os participantes elaboraron a súa particular Dragalpedia.
TAREFAS DA FRATERNIDADE DO DRAGÓN
O Proxecto Dragal concibe o proceso de ensinanza-aprendizaxe dun xeito global, flexible e participativo. Esta aposta posibilitou un traballo compartido desde distintos departamentos, en todos os centros participou o equipo de dinamización da lingua galega (EDLG), ao que se uniron o Departamento de Lingua Galega, Lingua Estranxeira, Educación Plástica e Visual, Xeografía e Historia, Tecnoloxía, de Música, Relixión e de Orientación.
O deseño de tarefas preveuse para un curso académico e púxose en marcha principios de outubro, coa presentación da escritora a través de videoconferencia. A continuación, e paralelamente ao proceso de lectura, dragalizáronse os centros. Tamén se elaborou unha tarxeta de identificación para os alumnos.
Rematado o proceso lector, principiou a competición de Dragaliños por medio dun cuestionario individualizado. Antes da chegada das vacacións de Nadal formáronse os grupos de traballo de cara á futura investigación para a elaboración da Dragalpedia.
No segundo trimestre fóronse editando os contidos do wiki e fíxose o traballo de campo (recollida de lendas), así como o desenvolvemento dos xogos.
No terceiro trimestre cada centro realizou unha exposición dos seus traballos fóra da clase, baixo a cabeceira “O dragón sae da aula”.
A experiencia rematou no mes de xuño cun encontro lúdico, no Pico Sacro, de todo o alumnado e profesorado participante.
Unha saga fantástica benvida nos centros de Secundaria
Desde a súa publicación, as novelas de DRAGAL convertéronse nun medio excepcional para dar a coñecer algúns aspectos da nosa historia e cultura.
A través de actividades de animación á lectura, os centros de ensino traballan la comprensión lectora, ao tempo que espertan a curiosidade e creatividade nas aulas. A trama que aparece como pano de fondo das novelas promove o estudo de numerosos aspectos históricos e culturais.
Hoxe, DRAGAL está presente nas bibliotecas de numerosos centros de ensino de Galicia, onde se converteu nunha das lecturas recomendadas para os primeiros cursos da ESO.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través da coordinación central dos equipos de dinamización da lingua galega, sumouse no curso académico 2013-2014 ao Proxecto Dragal, unha experiencia de carácter experimental que supuxo, entre outras novidades, a creación dun wiki interactivo no que traballaron máis de 532 alumnos de ESO e 40 profesores de 7 centros de ensino secundario de Galicia.
Na segunda edición do Proxecto Dragal, no curso 2014-2015, a experiencia ampliouse a 11 centros das catro provincias galegas. Desta vez implicáronse 659 alumnos e 55 profesores das máis diversas materias.
OBXECTIVOS CUMPLIDOS
O PROXECTO DRAGAL pretende transmitir aos mozos participantes unha imaxe positiva e actual da lingua galega ao relacionala con temáticas de interese para a mocidade e coas TICs. Poden gozas coa lectura de historias fantásticas en lingua galega e crear as suas propias, ademais de valorar a tradición literaria e popular desta temática en Galicia.
O PROXECTO DRAGAL promove o estudio dos aspectos históricos e culturais que aparecen como pano de fondo da trama pero tamén implica o uso das novas tecnoloxías. A experiencia promove o intercambio de información sobre diferentes aspectos da novela dentro da aula, cos compañeiros e profesorado, pero tamén, a través da rede, co alumnado doutros lugares de Galicia con quen compartir experiencias lectoras e achados.
Un dragón galego viaxa polo mundo
O aeroporto de Peinador (Vigo, Galicia, Spain), o aeroporto Charles de Gaulle de Paris (Francia),o templo do Lama de Beijing (China) e a torre de Fukuoka (Xapón), son algúns dos lugares nos que se ceibou o libro dentro dunha singular experiencia de bookcrossing.
Houbo un tempo no que soñei con botar unha botella ao mar, cunha mensaxe no seu interior, para ver qué acontecía. Podía imaxinalo facilmente. Escribiría as miñas verbas con tinta azul sobre a superficie dunha folla de cuadrícula do meu caderno. Logo gardaría o papel, dobrado con coidado, no interior do envase de vidro transparente, e pecharía a botella cunha rolla de cortiza.
Botaría a miña mensaxe ao mar, nalgún lugar das nosas rías. Daquela, dende Galicia a botella navegaría seguindo as correntes mariñas até cruzar o Atlántico... ou mesmo dar a volta ao globo.
A miña misiva percorrería o mundo enteiro durante semanas, meses, anos... E, talvez algún día, eu recibiría a chamada dalgún descoñecido que, na outra extrema do planeta, dera coa botella e conseguira interpretar a miña mensaxe de amizade.
O "bookcrossing", que é o nome que recibe en inglés esta iniciativa, é unha aventura coas súas pequenas "regras". A primeira delas é identificar os libros como "ceibes", con etiquetas no exterior que así o indiquen. Logo poden rexistrarse na web internacional www.bookcrossing.com para outorgarlles unha numeración que permita seguirlles a pista dende calquera lugar do mundo, si é que a persoa que atopa o libro decide seguir o xogo e dar noticias do seu paradoiro a través desta web.
A esas horas apenas había xente no interior da terminal, mais a novela desapareceu do lugar en cousa de poucos minutos, sen que eu tivese a oportunidade de albiscar a persoa que puidera levala consigo.
Mais tampouco había tempo de facer pescudas, así que confío que un día destes alguén deixe unha mensaxe nesta web e nolo conte.
A seguinte escala do dragón era o aeroporto Charles de Gaulle de Paris, a onde chegamos ás 9 da mañá en tránsito a Beijing. A terminal 2G deste aeroporto, destinada a acoller aos viaxeiros con destinos internacionais, pode considerarse un bo lugar para ceibar un libro pola gran cantidade de persoas que transitan pola mesma ou agardan o seu voo.
Trátase dun amplo corredor con zonas de espera dende as que se accede ás distintas portas de embarque. Algúns viaxeiros en tránsito "matan o tempo" paseando e visitando tendas de grandes firmas e libres de impostos, nas que facer as últimas compras.
Outros len ou conversan entre eles, sentados nas zonas de espera.
Ou simplemente observan...
Mentres agardaba o embarque do meu voo, previsto para o mediodía, mantiven o libro en "liberdade vixiada" durante un tempo no que varias persoas achegáronse a el, collérono nas mans, ollaron as súas páxinas...
Nalgún momento decidín marchar, deixando que esta "botella" comezase a súa vida en solitario.
A terceira proposta deste bookcrossing estaba prevista para o domingo 25 de xullo no aeroporto de Beijing, en China, mais cometín o erro de introducir o libro no interior da maleta facturada directamente dende Vigo con destino á capital chinesa.
Parte da historia da capital chinesa foi escrita neste maxestoso templo tibetano, o máis grande dos que os lamas teñen fóra do Tíbet, que no seu día foi pazo do príncipe Yongzhen.
Ubicado nunha das zonas tradicionais da cidade, trátase dun dos complexos relixiosos máis importantes desta urbe.
A pesar do abafante calor do estío chinés, por alí transitan a diario centenares de turistas, ademáis dos numerosos fieis que acuden a facer as súas pregarias entre nubes de incienso queimadas na honra de Buda.
Nesta viaxe polo Oriente, Dragal fixo outra das súas escalas na cidade de Fukuoka, situada da illa de Kyoshu (Xapón).
Esta urbe considérase o lugar de nacemento da civilización xaponesa e grazas á súa situación, atravesando o estreito de Corea dende a cidade de Busán, é actualmente un centro de intercambio cultural de Asia Oriental.
Con 234 metros de altura, o edificio máis alto do Xapón situado na mesma liña de costa é un atractivo observatorio preparado para resistir terremotos de forza 7 e ventos de até 63 m/seg.
Houbo un tempo en que soñei con botar unha botella ao mar, cunha mensaxe no seu interior, para que viaxase pola mar océana. Houbo tamén un tempo no que soñei con escribir e publicar un libro...
Desta vez uníronse dous soños e, dende Galicia, o meu dragón sucou os ceos do Occidente até cruzar o mundo. Agora, cinco exemplares de Dragal son ceibes e están a viaxar na procura de novos lectores que os descubran.
Poden pasar semanas, meses, anos... e talvez dende a outra extrema do planeta, en calquera momento, un descoñecido se poña en contacto para dar conta da súa particular aventura co dragón galego.