DRAGALÍZATE
A estirpe do dragón inicia unha segunda triloxía
Coma o anxo expulsado do paraíso, Hadrián loita por recobrar os poderes perdidos na cripta de Dragal.
A aparición de pequenas escamas é só o principio da mutación que experimentan os membros da Fraternidade.
Desaparecido don Xurxo, chega un novo párroco, don Miguel, cuxa misión será impedir o regreso dunha estirpe maldita capaz de destruír o mundo.
Nas páxinas do Codex Dragalianus, gardado na reitoral, accede aos segredos da Fraternidade.
Todo está recollido no manuscrito máxico.
Na noite do solsticio de verán os cabaleiros do dragón poderían apropiarse das forzas sobrenaturais do universo.
Mentres o derrubamento parcial da igrexa de San Pedro descobre un pasadizo secreto, os dragalianos atopan un misterioso libro.
Que relación ten este achado coa fórmula maxistral que experimenta Cortiñas no seu laboratorio?
Dragal IV, A estirpe do dragón abre unha nova xeira na apaixonante serie protagonizada polo dragón galego.
Se soñas con dragóns, esta é a túa aventura
A sombra do dragón chegaba a todas partes, aínda que Hadrián era o único que podía sentir a súa presenza. O poder de Dragal manifestaríase moi pronto, pero para aqueles que o ignoraban era un día máis, coma outro calquera.
Todos os alumnos da clase agardaban con expectación a chegada de dona Ermidas, coas cualificacións do exame de matemáticas. Sabían que, coma sempre, faría a entrada na aula logo de dous minutos de soar o timbre.
Nin un segundo antes nin despois.
A vella profesora chegou puntual, abrazando o seu cartafol no colo. Paseniño, colgou a chaqueta de la vermella no respaldo da cadeira e, logo de saudar aos presentes na aula, comezou a repartir as cualificacións polos pupitres.
- Antón… sen comentarios. Ímonos ver en setembro, e se cadra o ano que vén.
- Teresa… podías facelo moito mellor.
- Breixo … hai que usar o miolo para algo máis que levar gorra.
- Antía… siga vostede así. Un oito.
- Marta… nesta ocasión eu agardaba moito máis ca un aprobado xustiño.
- Miguel… ben, raspadiño, pero algo é algo.
Mentres a mestra seguía o seu percorrido entre as mesas, achegándose pouco a pouco ao fondo da clase, Hadrián ollou pola fiestra. A choiva petaba contra os cristais, pero o rapaz tiña a ollada posta máis alá, na fachada da vella igrexa de San Pedro.
Atopouno coma sempre, na cornixa, e sorriu cando o vello Dragal lle chiscou un ollo nun xesto de complicidade.
O resto dos alumnos, alleos aos movementos do dragón de pedra, permanecían en absoluto silencio, atentos a cada xesto da súa titora. E dona Ermidas, tamén ignorante do acontecido, seguiu repartindo exames ata chegar á altura de Hadrián.
Daquela, a profesora detivo os seus pasos e pousou o folio, esborranchado polas dúas faces coa característica escrita diminuta do rapaz, sobre a súa mesa. Na marxe superior, a carón dos datos do alumno, en vermello e resaltado nun gran círculo, destacaba un "10" que a Hadrián lle pareceu grande coma un mundo.
- Aínda non sei coma o fixeches… pero estouche abraiada - díxolle
A faciana do mozo iluminouse cun sorriso que lle chegaba de orella a orella. Un dez! Polo rabo do ollo puido ver como a silueta de Dragal remexía na cornixa.
Si, o dragón de pedra tiña a facultade de lerlle o pensamento e xa era sabedor da noticia.
Press Club Dragal
Dende a aparición da primera novela de DRAGAL (finalista do premio Fundación Caixa Galicia 2009 e premio Frei Martín Sarmiento 2012), as distintas entregas da saga están a ser obxecto dunha gran acollida por parte dos lectores, da prensa e da crítica literaria especializada.
En Galicia a primera novela de DRAGAL (A herdanza do dragón) leva publicadas ONCE EDICIÓNS na súa lingua orixinal.
Dende o 2014 a saga tamén pode lerse noutras linguas nas que comezou a publicarse.
Polo de agora está a ser traducida ao inglés, catalán e castelán:
DRAGAL I The Dragon's Inheritance (Small Stations Press 2014)
DRAGAL I L'hèrencia del drac (Pagès Editors 2014)
DRAGAL I la herencia del dragón (Anaya 2015 )
DRAGAL II La metamorfosi del drac (Pagès Editors 2015)
DRAGAL II La metamorfosis del dragón (Anaya 2015)
DRAGAL II The Dragon's metamorphosis (Small Station Press 2015)
DRAGAL III La Fraternidad del dragón (Anaya 2016)
DRAGAL III: The Dragon´s Fraternity (Small Station Press 2017)
E n 2015 a primeira novela da saga Dragal foi seleccionada en Paris e incluída no proxecto New Spanish Books do ICEX.
Unha ficción fantástica moi ben documentada
DRAGAL é, ante todo, unha saga de aventuras que integra importantes elementos mitolóxicos e históricos. Detrás de cada unha das súas páxinas hai un importante traballo de documentación e lectura de numerosos libros sobre o pasado de Galicia, textos sobre maxia, alquimia e astronomía.
A autora documentouse sobre os dragóns que existen nas distintas culturas do planeta, pero tamén repasou os seus vellos libros de latín, tivo que poñerse ao día en técnicas de espeleoloxía, dar unha volta a varios manuais de restauración de edificios, de emerxencias médicas e ata de prevención de incendios.
"Eu quería que as miñas novelas tivesen uns alicerces sólidos sobre os que sustentarse"- advirte Elena Gallego Abad.
Así, DRAGAL ofrece varios niveis de lectura, tanto para adolescentes como para adultos. Trátase, ao fin e ao cabo, dunha gran novela de aventuras, inspirada nalgúns pasaxes naquelas historias que á su autora lle gustaba ler cando era unha rapaciña. Na súas páxinas é posible intuír a presenza de autores como Enid Blyton (As aventuras dos Cinco), Julio Verne (Viaxe ao centro da Terra) ou Emilio Salgari.
Pero os maiores defensores da triloxía son os lectores adultos, en moitos casos profesores de institutos de ensino secundaria e bacharelato, que con DRAGAL redescobren a maxia da lectura e aspectos da nosa cultura que mesmo descoñecían.
A través da saga recupérase a lembranza de momentos importantes para Galicia, como a historia do Apóstolo Santiago que se recolle no Códice Calixtino, coa intervención da raíña Lupa e un dragón. O lector atopará referencias astronómicas da época de Ptolomeo e pode achegarse á sabedoría dos alquimistas, a Nicolas Flamel e á Pedra Filosofal.
Personaxes dragalianos
Ao longo da saga mergullámonos na nosa propia historia, descubrindo a existencia dunha Fraternidade de cabaleiros medievais que agocharon un gran secreto nas catacumbas dunha igrexa medieval, San Pedro.