PRESS CLUB
A editora Small Stations Press publica Dragal en inglés
A saga Dragal continúa a súa andaina internacional coa tradución da primeira novela, "A herdanza do dragón", a distintas linguas.
Small Stations Press, o selo editorial de Jonathan Dunne, elexiu Dragal entre os catro títulos cos que puxo en marcha a nova serie de literatura xuvenil galega en inglés Galician Wave.
A colección, iniciada no outono de 2014, existe para dar a coñecer en lingua inglesa o mellor da literatura xuvenil galega e da súa ilustración.
Xunto con DRAGAL I: THE DRAGON’S INHERITANCE de Elena Gallego Abad, publicáronse en setembro as novelas Aire negro de Agustín Fernández Paz, A Pomba e o Degolado de Fina Casalderrey e O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro.
Neste intre Jonathan Dunne está a traducir ao inglés a segunda novela da saga Dragal, A metamorfose do dragón, que ten previsto publicar no outono de 2015.
La editorial Pagès Editors publica Dragal en catalán
O primeiro libro da saga fantástica Dragal, de Elena Gallego Abad, atópase entre os elixidos para o novo selo de literatura infantil e xuvenil Nandibú de Pagès Editors, dirixido por Alba Besora co asesoramento de Ramón Besora, un coñecido editor hoxe xubilado.
A leridana Pagès Editors e mais a Editorial Milenio crearon a nova liña de literatura infantil e xuvenil Nandibú, que constará de seis coleccións dirixidas a nenos e mozos de entre cero e 14 anos.
Estas coleccións ofrecerán una trintena de títulos cada ano, en castelán e catalán, algúns deles recuperacións de clásicos do xénero, desde "El gato con botas" a "El osito polar".
"Dragal 1: l'herència del drac", traducción ao catalán do primer volume da saga de aventuras creada por Elena Gallego Abad, é tamén o libro que abre a colección Nandibú Jove.
Dragal inspira un gran xogo de rol no Pico Sacro
A prensa galega fíxose eco da participación de 232 escolares galegos nun xogo de rol en vivo no monte onde habitou o dragón
Fragmento da información publicada en El Correo Gallego o 21 de xuño de 2014:
O Pico Sacro vestíuse onte entre néboas para recibir aos 232 estudantes de 1º e 2º da ESO e 16 profesores, procedentes de 5 centros galegos, que se convertiron por un día en cabaleiros da Fraternidade do Dragón. O monte boqueixanés convertíuse no esceario perfecto para o densevolvemento do xogo de rol en vivo relacionado coa triloxía de novelas xuvenís publicadas por Elena Gallego Abad, titulada Dragal.
A propia autora recoñeceu onte a súa "emoción" por ver "a implicación e os soños que tanta xente puxo" na aplicación didáctica de Dragal. O proxecto piloto promovido dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística "servíu de base para desenvolver actividades relacionadas coa toponimia" dos concellos onde se ubican os 7 centros escolares participantes, indicou a técnica de este departamento e coordinadora da iniciativa, Xulia Marqués.
Outros medios galegos, entre eles o Telexornal Serán da TVG informaron sobre os xogos de rol que tiveron lugar no Pico Sacro arredor do Proxecto Dragal.
Un dragón bota lume na rede
Unha “Dragalpedia” e unha “Topoteca” son os primeiros chanzos do Proxecto Dragal, a expansión da historia do dragón creada pola escritora Elena Gallego Abad á rede. Unha serie televisivas e un cómic serán os posteriores pasos dun proxecto didáctico no que están a colaborar máis de 500 mozos e mozas e 40 ensinantes e que ten como obxectivo darlle vida ao patrimonio inmaterial esquecido.
A triloxía da escritora Elena Gallego Abad creada arredor do último dragón galego xa ten forma na rede e comeza a botar lume tamén no sector audiovisual. No marco da MICAtlántica, presentouse o Proxecto Dragal, a través do que o dragón narrativo vai tomando forma en distintas áreas, a rede de maneira inicial e tamén nunha serie televisiva da que se está a preparar o guión mais que posteriormente se ampliará a formatos como videoxogos ou cómic.
A tradición literaria e popular dos dragóns chega así a novos formatos interactivos, participativos e moi próximos ás novas xeracións de lectores. En primeiro lugar, o Proxecto Dragal incluíu a creación dunha Dragalpedia. “O obxectivo é que os rapaces descubran que no seu entorno hai lugares máxicos e unha morea de lendas. Trátase de valorizar o patrimonio inmaterial galego e o dragón é un bo personaxe para facelo”, explica a autora Elena Gallego Abad dun proxecto no que están a traballar de forma colaborativa 518 rapaces en 7 centros de ensino. No proxecto educativo colaboraron estudantes de secundaria de toda a xeografía, despois da lectura da obra de Elena Gallego achegan os novos coñecementos á realidade próxima e aos tesouros que a rodean. Nace así a “Fraternidade do Dragón” unida para manter viva a lenda do dragón galego e todo o universo creado ao seu redor.
No MICAtlántica presentouse a wiki interactiva que produce Ficción Producciones, de Julio Casal, a empresa que está a desenvolver tamén a serie audiovisual dentro do Proxecto Dragal. A wiki preséntase como experiencia multimedia na rede cun obxectivo educativo no que xa están implicados 40 ensinantes de centros como o IES de Mos, IES Manuel Padín Truiteiro de Soutomaior, CPI de A Cañiza, Cidade de Antioquía de Xinzo da Limia, IES Xesús Taboada Chivite de Verín, CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto de Boqueixón e IES David Buján de Cambre. A “dragalización” dos centros de ensino implicou non só participar na creación da wiki senón outra serie de iniciativas como celebracións arredor do dragón ou o achegamento a través da lenda a coñecementos de lingua e literatura e tamén de ciencias, historia ou plástica. Un dos obxectivos do Proxecto Dragal é a “recuperación, catalogación e revalorización dun patrimonio inmaterial que se está a perder” e que atopa os primeiros chanzos na Dragalpedia e a Topoteca que están xa en marcha.
Despois da lectura da novela, o argumento, os personaxes ou os espazos nos que ten lugar a historia da serie Dragal desenvólvense a través dunha páxina web na que se promove a aprendizaxe. A páxina inclúe a “Dragalpedia” e a “Topoteca” para o achegamento á nosa cultura inmaterial que a propia rapaciada descubrirá no seu entorno próximo, na recolleita de lendas ou no coñecemento dos distintos segredos do territorio. “Os dragóns existen en todos os pobos, na Galiza tiñamos cultos pagáns que Dragal recupera. Os rapaces poden coñecer a nosa tradición inmaterial por medio da lenda do dragón”, di Gallego Abad.
“Sete caveiras” e o cuarto dragón
Na próxima primavera, un novo volume da serie Dragal (Xerais) sairá do prelo, ampliando o proxecto literario máis do que a propia autora tiña previsto nun inicio. O dragón aumenta a súa vida e non só se expande a través da rede no proxecto educativo que vén de se presentar senón que continúa o seu traxecto literario cunha nova novela que ampliará a triloxía xa publicada. O próximo ano, agarda que saia publicada a primeira novela da serie Dragal en inglés, con tradución de Jonathan Dunne.
Ao tempo que o dragón continúa a súa historia, en xaneiro, Elena Gallego publicará Sete caveiras (Xerais), unha novela negra con xornalistas e moito humor.
O Pico Sacro acollerá un xogo de rol para máis de 300 cativos
Escolares aplicarán os seus coñecementos sobre lendas en torno ao monte boqueixanés
Susana Formoso Boqueixón/El Correo Gallego
O Pico Sacro protagonizará o próximo venres, día 20 de xuño, un xogo de rol no que participarán máis de 300 alumnos de Educación Primaria e Secundaria de sete centros educativos galegos.
Esta iniciativa forma parte dun proxecto piloto desenvolvido nestes colexios durante todo o curso e que terá como actividade final unha xornada en terras boqueixanesas.
A iniciativa “toma como base a exitosa triloxía Dragal, da escritora Elena Gallego”, explicou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. As tres publicacións toman como base a figura fantástica do dragón e as lendas en torno a el.
Tal e como se explica no portal web adicado á triloxía, as novelas expoñen “a historia dun rapaz que se transforma en dragón, mais co valor engadido de inserirlle tradicións e mitoloxías galegas”.